Free cookie consent management tool by TermsFeed
imprimir caderno de viaxe

Santiago de Compostela foi declarada en 1985 Patrimonio Cultural da Humanidade pola Unesco, ao considerar que a súa beleza urbana e a súa integridade monumental se engadían aos profundos ecos da súa significación espiritual como santuario apostólico e destino do máis importante movemento relixioso e cultural da Idade Media: a peregrinación polo Camiño de Santiago.

Xustificación do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) para a inclusión de Santiago na lista de Patrimonio da Humanidade

Por ser un extraordinario conxunto de monumentos agrupados arredor da tumba de Santiago o Maior, e destino de todas as rutas da maior peregrinación da Cristiandade entre os séculos XI e XVIII, Santiago de Compostela é sen dúbida ningunha un dos máis indiscutíbeis bens patrimoniais da Humanidade. Esta cidade, debido á súa integridade monumental, reúne valores específicos e universais. Ao carácter único das súas obras mestras románicas e barrocas engádese a transcendental contribución estética que emprega elementos diacrónicos e dispares para construír unha cidade ideal que desborda á vez Historia e intemporalidade. A modélica natureza desta cidade de peregrinación cristiá, enriquecida polas connotacións ideolóxicas da Reconquista, ten o seu eco na enorme significación espiritual de un dos poucos lugares tan profundamente imbuídos de fe como para converterse en sagrados para toda a Humanidade. (...)

ICOMOS recomenda a inclusión de Santiago de Compostela no listado de Patrimonio Mundial con base nos criterios I, II e VI:

Criterio I. Arredor da Catedral, que é unha obra mestra da arte románica mundialmente recoñecida, Santiago de Compostela conserva un valioso casco histórico digno de unha das máis grandes Cidades Santas da Cristiandade.

Criterio II. Durante os períodos románico e barroco o santuario de Santiago exerceu unha influencia decisiva no desenvolvemento da arte e da arquitectura, non só en Galicia, senón tamén no norte da Península Ibérica.

Criterio VI. O ben patrimonial proposto está asociado con un dos maiores temas da historia medieval. Dende as beiras do Mar do Norte e do Mar Báltico miles de peregrinos, portadores da vieira e da súa particular vestimenta, camiñaron durante séculos ate o santuario galego, seguindo os Camiños de Santiago, verdadeiras rutas da fe.

ICOMOS suxire que se realice en consecuencia un subsecuente número de propostas para asociar lugares esenciais localizados en varios países baixo o epígrafe único de ‘Camiño de Santiago’ ou ‘Peregrinación a Compostela’,completando así a significación universal da inclusión de Santiago de Compostela na lista do Patrimonio Universal. (*)

ICOMOS, maio 1985.

(*) O Camiño de Santiago foi, en efecto, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco oito anos máis tarde, en 1993.

Dende entón, fóronse sumando numerosos premios e distincións o recoñecemento mundial da magnífica conservación e habitabilidade do patrimonio compostelán.

 

CIDADES PATRIMONIO DA HUMANIDADE DE ESPAÑA

Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España fundouse en 1993 para “actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural destas cidades e no mantemento e potenciación de determinadas formas de vida que estes núcleos históricos necesitan, realizando proxectos ey propostas comúns e establecendo políticas de intercambios de experiencias”.

Actualmente está integrado por Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.


Máis sobre as Cidades Patrimonio:

 
Presentación das cidades 

Serie Cidades Patrimonio en RTVE 

Turismo: Cidades Patrimonio 

Accesibilidade: Guías accesibles para visitar cada cidade

Patrimonio: Material didáctico  

Cultura e Educación: Cidades de Conto

 

Galería de imaxes

Patrimonio da Humanidade
Patrimonio da Humanidade